Un proxecto de investigación que mellora o método de Sherlock Holmes

González foi asasinado na súa casa cun revolver que pertencía a Pérez. Pérez necesitaba diñeiro para saldar débedas. Pérez odiaba a González dende facía tempo. Pérez era amante da muller de González, única beneficiaria do seguro de vida do marido. Dúas testemuñas fidedignas viron a Pérez saír da casa de González dez minutos despois da hora estimada do seu deceso. As pegadas dixitais de Pérez foron atopadas na arma empregada para asasinar a González. A muller de González recoñeceu que tiña conspirado con Pérez para asasinar ao seu marido. Cal é o veredicto?

Nunha primeira lectura ás premisas sentenciaríamos que Pérez asasinou a González. Sen embargo, esta conclusión non é unha certeza deducida, non temos garantida a verdade, estamos dando en realidade “un salto á mellor explicación posible”. Este proceso de interpretación, habitual na vida cotiá, adquire especial importancia polas súas repercusións no caso de xuíces e xurados populares. Para contribuír a que as súas sentenzas teñan a maior forza e criterio posible, un grupo de profesores de Filosofía do Dereito traballan desde xaneiro no proxecto de investigación Razoamento abdutivo e argumentación xudicial, liderado por Pablo Raúl Boronino, docente da Facultade de Dereito de Ourense, e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

“Os argumentos abdutivos son moi comúns nas novelas policiais, sobre todo naquelas nas que un detective, como por exemplo Sherlock Holmes, descobre como se cometeu un crime e ao seu culpable, ás veces incluso sen moverse do seu despacho” explica o profesor Boronino. Na práctica xurídica a abdución soe empregarse tanto para guiar a investigación xudicial como para fundamentar os seus resultados, ao avaliar as probas e interpretar as normas.

Dada a importancia destas inferencias, sinala o profesor Boronino, o seu proxecto de investigación proponse “determinar un método e uns criterios que nos permitan clasificar as abducións e identificar cando estamos diante dunha boa abdución e en que medida”. O desenvolvemento desta metodoloxía permitiría aos xuíces ditar sentenza empregando os argumentos máis fortes, as abducións que se mostren máis sólidas en base a criterios establecidos. Para facelo, o proxecto toma como referencia o campo da dedución, onde é posible comprobar, grazas ao desenvolvemento da lóxica, se unha dedución é correcta. Así, explica Boronino, ante as premisas todos os homes son mortais e Sócrates é un home ninguén poñe en dúbida a dedución de que Sócrates é mortal. Un certeza moi desexada para o campo xudicial á que este proxecto quere contribuír a achegarse.

Ademais de Boronino, no proxecto participan os profesores Guillermo Suárez, da Universidade de Vigo; Joaquín Rodríguez, Sonia Rodríguez e Manuel Segura, da Universidade de Santiago; Antonio Piña, da Universidade de Vigo e xuíz decano de Ourense; Juan Antonio García, da Universidad de León, e varios profesores de Arxentina e Reino Unido. Esta semana realizaron en Ourense o seu primeiro encontro co obxectivo de establecer as liñas prioritarias sobre as que traballarán nos próximos tres anos de duración do proxecto.

Durante estes anos, explica Boronino, haberá dúas liñas principais de acción. Por unha banda, realizarán un achegamento teórico á abdución desde o campo da lóxica, para afondar na clasificación dos argumentos. Por outra, realizarán unha reconstrución de argumentos de sentencias de casos reais. Antonio Piña, como xuíz decano de Ourense, será o encargado de supervisar unha compilación de textos xurídicos que lle permitirá ao grupo analizar os razoamentos xurídicos, a súa aplicación por parte dos xuíces e avaliar a súa aplicación. Dos froitos desta aproximación teórica e práctica, os investigadores agardan contribuír a que cando un xuíz dite sentencia o faga cos argumentos máis sólidos e racionais posibles.

Rosa Tedín – DUVI

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *